O Ribeiro harmoniza os seus viños coa arte e música na décima edición de “Cata a Arte”

A iniciativa terá lugar no Marcos Valcárcel os días 14, 21 e 28 de novembro

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro, en colaboración coa Deputación de Ourense a través do Centro Cultural Marcos Valcárcel, promove un ano máis un proxecto de harmonía dos seus viños coa arte e coa música na que vai ser a décima edición de “Cata a Arte”.

Esta iniciativa, altamente consolidada ao longo dos anos, desenvolverase os xoves 14, 21 e 28 de novembro. Cata a Arte consiste na cata de viños dunha adega pertencente á D.O. Ribeiro no entorno dunha exposición artística e complementada cun concerto musical de entre 30 e 40 minutos. O apartado musical desta edición correrá a cargo de Los Camachuelos (14 de novembro), Perrito Piloto (21 de novembro) e En Mala Hora (28 de novembro).

A novidade desta edición está en que o acceso será con entrada solidaria, cun prezo de 5€ por sesión que se deberá adquirir únicamente a través do portal electrónico Entradium.com, sendo un ano máis un evento solidario que destinará todo o diñeiro recadado á Asociación Aixiña.

O vicepresidente da Deputación, César Fernández, salientou o aspecto de compromiso social corporativo tanto do ribeiro como da Deputación para apoiar esta iniciativa dende o seu nacemento e puxo de manifestó que “o éxito de Cata a Arte demostra que viño do Ribeiro, arte e música harmonizan moi ben”.

A presidenta do Consello Regulador D.O. Ribeiro, Concha Iglesias, tamén incidiu no compromiso das adegas con esta vertente social e na absoluta consolidación desta actividade ao longo dos anos. “Dende o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e estamos moi orgullosos de poder seguir xuntos”, dixo a presidenta.

Xan Jardón, director xerente de Aixiña, agradeceu o apoio e a visibilización que se da con esta actividade á organización que dirixe, onde salientou que hai 125 persoas traballando, nunha institución que ten como misión traballar por e para as persoas con discapacidade.