O xurado do concurso de carteis da Feira do Viño do Ribeiro reúnese para elixir a obra gañadora

O xurado do Concurso de Carteis da 53ª Feira do Viño do Ribeiro reunirase o vindeiro luns, 7 de marzo, no local social da Madalena, sito no Barrio Xudeu de Ribadavia, para elixir o cartel que representará a Feira do Viño do Ribeiro 2016, que terá lugar na vila ribadaviense do 29 de abril a 1 de maio. Nesta edición, rexistráronse un total de 255 carteis procedentes de todo o territorio nacional.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro e o Concello de Ribadavia, coorganizadores da feira, repiten a fórmula do concurso para a elección do cartel anunciador da Feira do Viño nesta 53 edición da Feira. Nesta edición participan artistas de renome, axencias profesionais pero tamén personaxes en principio descoñecidos que a través deste concurso poderían atopar unha ferramenta para a difusión da súa obra.

Para a elección do seu cartel anunciador, o Concurso de Carteis da 53ª Feira do Viño do Ribeiro conta cun xurado multidisciplinar integrado por profesionais no ámbito das artes, comunicación e deseño gráfico. Ao longo da xornada de deliberación as 255 obras participantes serán sometidas ao xuízo destes profesionais, resultando a obra gañadora premiada con 1.500€.
Participan como membros do xurado:
· O director do Centro Cultural “Marcos Valcárcel” de Ourense, Francisco González Bouzán.
· O director comercial de La Región, Carlos Barbosa.
· O editor xefe de Faro de Vigo, Benigno de la Torre.
· A editora xefe de La Voz de Galicia Ourense, Ruth Novoa.
· O director creativo da axencia Incubarte Creatividad Multicanal, Jaime Díaz.
· A directora da axencia de eventos Trevisani, Ana García.
· O coordinador e creativo de OurenseICCWeek, Manuel Araújo.
· A concelleira de Cultura do Concello de Ribadavia, María Touza.
· A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá.

Todas as obras serán sometidas a un proceso de votación por cada membro do xurado, do que resultará, por consenso de todos os membros, a obra gañadora desta edición.

O fallo do xurado presentarase aos medios de comunicación o mesmo día ás 13.30 horas e semanas despois se presentará a Feira do Viño do Ribeiro da man dos coorganizadores en diferentes cidades de Galicia.