O organismo entregará os premios Mellor Servizo en Restaurante a Glabistró de Ourense; Mellor Vinoteca-Tenda Especializada a Arjeriz, de Vigo, e Mellor Taberna-Bar de Viños á Cantina do Almacén Concept Store da Coruña
A gala, prevista para este xoves 27, será presentada polos coñecidos actores Fede Pérez e Cristina Maró e conta coa colaboración de ABANCA e Galicia Calidade
O lema central do evento é ‘Ribeiro: Brindando futuro’ e terá lugar este xoves 27 de xuño na localidade ourensana de Santa Cruz de Arrabaldo
Ourense, 24 de xuño de 2024.
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro recoñecerá un ano máis o traballo de tres establecementos hostaleiros aos que premiará tanto o seu bo servizo e profesionalidade, como o seu apoio aos viños da D.O. máis antiga de Galicia. Será o próximo día 27, nunha gala prevista para as 19.00 horas, no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, na que se entregará o Premio Mellor Servizo en Restaurante a Glabistró (Ourense), o Premio Mellor Vinoteca-Tenda Especializada a Arjeriz (Vigo), e Mellor Taberna-Bar de Viños á Cantina do Almacén Concept Store (A Coruña).
Uns galardóns que se suman aos xa anunciados días pasados, como os do xornalista Fernando Ónega, elixido Persoeiro de Honra; a sumiller Silvia García Guijarro, Head Sommelier do Hotel Mandarin Oriental Ritz, Muller e Viño; o Grupo Gourmets, Mellor Tarefa de Comunicación; a Asociación de Mulleres Rurais do Ribeiro, Vida entre Vides, e a Asociación Galega de Enoloxía, Ribeiro en Nós.
A gala, baixo o lema Ribeiro: Brindando futuro, estará presentada este ano de novo polo coñecido actor Fede Pérez, un dos rostros máis recoñecidos do audiovisual galego, acompañado nesta ocasión pola actriz, cantante e modelo Cristina Maró, e conta coa colaboración de ABANCA e Galicia Calidade, entre outras entidades
Ademais, no transcurso da cerimonia, daranse a coñecer os viños gañadores da Cata Oficial.
GLABISTRÓ. Recoñecido nesta XIII edición dos premios como Mellor Servizo en Restaurante, o gastrobar ourensán que dirixen os brasileiros Álex Pinto (xefe de sala) e Bianca Coura (xefa de cociña) aposta pola cociña de fusión con produto autóctono. Con experiencia en cociñas de Portugal, presentan pratos con base galega e influencias de todo o mundo, con toque mexicanos, chineses, italianos, tailandeses, xaponeses… que tiveron unha gran acollida entre o público. Ademais, da carta e o menú degustación con pratos de tempada, o local celebra con asiduidade xornadas, catas, ceas-maridaxe e eventos a catro mans para compartir con outros chefs de Galicia.
ARJERIZ. Pioneiro nos produtos gourmet na cidade de Vigo, Arjeriz será recoñecido co Premio Mellor Vinoteca-Tenda Especializada. O local, situado na rúa Carral e con máis dun centenar de anos de vida, deu un cambio radical en 1985, cando Juan Antonio Marcote converteu o ultramarinos dos irmáns Rodríguez López nunha tenda especializada en licores e produtos gourmet. Na actualidade, e cos seus fillos Martín e Marcos á fronte, Arjeriz é todo un referente, con especial atención aos produtos galegos e á promoción de almendrados, conservas, queixos, froitos secos…sen esquecer a sección de licores e viños que deulle tanta fama.
ALMACÉN CONCEPT STORE. Situado no antigo laboratorio e almacén da farmacia Villar, na rúa Olmos da Coruña, o Almacén Concept Store, e máis concretamente a súa cantina, foi recoñecido polo C.R.D.O. Ribeiro este ano como Mellor Taberna-Bar de Viños. O local, que dirixe na actualidade Jorge Santos, é un novo concepto que aúna bar, boutique e galería de arte, todo nun, que conseguiu facerse un oco nas guías de lecer da cidade e atraer ao público máis cosmopolita. A súa cantina, pola que é premiado nesta ocasión, reúne unha coidada selección de referencias de viños e licores, que destacan pola súa calidade e variedade.