Os viños Renacido e Big Bang fan vibrar aos asistentes á “Cata a Arte” en Ourense

Ribadavia, 19 de novembro de 2021.

Pablo Vidal presentou onte, na terceira das xornadas do ciclo “Cata a Arte”, o seu viño branco Renacido en cata vertical, das colleitas 2018, 2017, 2016 e 2015, e a súa nova creación, o tinto Big Bang 2019. Todos os asistentes ao evento, novamente con aforo completo, puideron degustar os delicados e equilibrados viños harmonizados á perfección con petiscos gastronómicos da man do restaurante ourensán Tizar Gourmet e con coñecidas cancións rock interpretadas polo dúo acústico Slastic.

O tándem formado entre os viños de garda de Pablo Vidal e as cancións interpretadas polo baixo e a guitarra fixeron que os participantes na cata vibraran por momentos, gozando coa interpretación libre e a visión fóra do establecido ofrecida polos artistas; o adegueiro coas pouco comúns descricións dos seus viños con personalidade propia e os músicos tocando cancións como Highway to hell ou Sympathy for the Devil.

Nesta sétima edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), organización sen ánimo de lucro que leva 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno.

Vinos con Personalidad

Trátase d o proxecto ilusionante de Pablo Vidal, que se basea en crear viños de alta calidade na D.O. Ribeiro e en outras zonas tradicionais de produción vitícola de Galicia. Trata de elaborar viños cun carácter distinto, que innovan recuperando o seu pasado. O resultado son viños maduros pero sen que perdan o seu frescor, que se foron pulindo a partir dunha lenta maduración en adega e en botella, viños de longo percorrido que permiten a súa garda, viños con personalidade propia que perderon a exuberancia da xuventude e se expresan complexos, equilibrados e delicados.

Viño e arte

O ciclo celébrase en catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo está limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas serán cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.

Para rematar esta sétima edición, o broche final poñerao o 2 de decembro a Bodega Alanís, que presentará o seu viño Gran Alanís 2020 en harmonía co espectáculo musical de Queiman e Pousa.