Trinta e seis viños da D.O. Ribeiro ilustrarán a tipicidade da zona en “XANTAR”

Un total de 19 adegas participarán no túnel dos viños de Galicia na 21ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, en Ourense

Ribadavia, 4 de febreiro de 2019.

A Denominación de Orixe Ribeiro, a través de 19 das súas adegas, participará un ano máis no Salón Internacional de Turismo Gastronómico, Xantar, que se celebrará do 5 ao 9 de febreiro no recinto feiral Expourense. O seu principal obxectivo é o de amosar a singularidade dos seus viños aos visitantes á feira, que o ano pasado alcanzaron os 24.000.

O túnel dos viños de Galicia contará cun total de 36 viños da D.O. Ribeiro, tendo así a maior representación das denominacións de orixe galegas. Este túnel consiste nun espazo reservado unicamente a profesionais do sector para que as adegas dean a coñecer as súas referencias a sumilleres, catadores, hostalería, distribuidores, viñotecas, prensa…

A D.O. Ribeiro participará tamén co seu viño institucional na degustación de produtos con indicativo de calidade “Experiencias de Calidade de Galicia”, organizado pola AGACAL, Xunta de Galicia, o mércores ás 12.15 na Aula de Medio Rural, da man do cociñeiro Miguel González. Tamén terá representación no taller gastronómico de degustación dos produtos do mar de Galicia denominado “Suculento tesouro atlántico” do venres, ás 18.00 horas na “Aula Mar”.

O presidente da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares, fai referencia a esta participación comentando “nesta nova edición deste Salón Internacional do Turismo Gastronómico, a D.O. Ribeiro non pode faltar, deixando patente a firme aposta por fomentar a cultura vitivinícola do Ribeiro, así como a de Ourense e Galicia aos miles de visitantes.”

Adegas e viños participantes

  • Adegas Celme (Celme de Pena Picada e Celme do Souto)
  • A Portela S.A.T (Beade Primacía, Señorío de Beade branco e tinto e Beade 25 Autor)
  • Pazo de Vieite (Farnadas, 1932 de Pazo de Vieite, Deseu e Javier Vasallo)
  • Vinos Antonio Montero (Antonio Montero Autor)
  • Adega Dona Elisa (Canción de Elisa branco e tinto)
  • Adegas de Pazo do Mar (Expresión de Pazo do Mar e Pazo do Mar branco)
  • Bodega Alanís (Gran Alanís e Ama Vida)
  • Bodegas Cunqueiro (Cunqueiro III Milenium e Cunqueiro Centenario tinto)
  • Bodega Cooperativa San Roque de Beade (Terra do Castelo Godello e Terra do Castelo Treixadura)
  • Bodegas Loeda (Catro Parroquias)
  • Adega O Cotarelo (O Cotarelo branco e tinto)
  • Adega Gandarela (Gran Gandarela, Elixir de Gandarela e Elixir de Gandarela barrica)
  • Adega Eloi Lorenzo (Fareixa Electra)
  • Pazo Lalón (Eduardo Bravo)
  • Casal de Armán (Casal de Armán branco)
  • Viña Carpazal (Viña Carpazal Selección branco e tinto)
  • Priorato de Razamonde (Priorato de Razamonde branco e Alter branco)
  • Bodegas Peña (Señorío do Lancero)
  • Adegas Valdavia (Cuñas Davia branco)