Francelos. Ribadavia
Como exemplo, baste citar as Antigüedades Prehistóricas y Célticas de Galicia, publicada en 1873 por José Villa-Amil y Castro na que, no capítulo II trata precisamente, entre outras, das «piedras con pilas»; ou o artigo de Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández, Cuatro peñas con pilas, del sur de Galicia, publicada no ano 1952 en Cuadernos de Estudios Gallegos, e no cal os autores fan unha revisión historiográfica da cuestión na época.
Outeiro de Santa Lucía. Carballeda de Avia
Se ben a súa identificación con lagares conta hoxe coa xeral aceptación por parte de quen están a traballar na cultura material das áreas produtoras de viño, non se pode dicir o mesmo da súa datación. En efecto, asignar a estas estruturas unha cronoloxía dista de ser unha cuestión pacífica, pois ao aparecer ao ar libre e sen relación directa con outros elementos é difícil facer unha proposta temporal.
Lagar lítico no Ribeiro. Fotografía de Xaquín Lorenzo. Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense
Dende logo o límite máis recuado no tempo estará en relación coas primeiras evidencias da presenza de viño no NW. Estas pódense remontar a importacións greco itálicas e, sobre todo, a partir da chegada das ánforas tidas por vinarias dende finais do séc. II a.C. e que se xeralizan entre mediados do séc. I a.C. e mediados do séc. I d.C. O que nos falaría do consumo de viño no NW, alomenos entre as elites e máis cara á costa que ao interior. Un certo consumo de viño nesas terras que vería a confirmar a coñecida frase de de Estrabón: «O viño escasea e cando o teñen pronto o consumen en banquetes familiares» (Xeografía: III). Cabe sinalar que a importación de ánforas vinarias interrómpese a partir dos Flavios, o que da pé a suxerir a existencia dunha oferta local e/ou o emprego de contedores doutro tipo.
Polo que respecta aos lagares en contexto arqueolóxico na rexión portuguesa do Douro, exceptuando casos como o de Monte Mozinho, todos eles nos remiten a un intervalo temporal que abrangue dende o Baixo Imperio ata época altomedieval.
LIBERO/PATRI/G(aius)VETTIS)/FELICIO, Dionysos e Ampelos, Estela de Vigo
Relacionado co tema procede facer referencia ao culto a Dionysos, de quen temos dúas representacións en Galicia, ámbalas dúas datadas no século III d.C. A elas cabe engadir o epígrafe de A Millarouso (O Barco de Valdeorras) e poida que a Pilastra de Amiadoso (Allariz) cunha datación suxerida no século II d.C. Certamente, é tentador apelar á relación destes bens co viño, pero debemos manter a cautela pois, por un lado en Hispania non hai un recoñecemento explícito de Liber Pater a favor do viñedo e, por outra parte, esta divindade tamén posúe unha vertente de protector da morte.
Pola súa parte, as as análises arqueobotánicas feitas até hoxe en xacementos arqueolóxicos non permiten probar o cultivo da vide no Noroeste en época romana. Pero algúns datos procedentes de traballos realizados en depósitos naturais en Galicia ou en áreas próximas, ou mesmo nun xacemento cercano a nosa Comunidade, proporcionan sinais suxerindo a presenza dese cultivo. Por exemplo, a análise polínica do Castro Ventosa (Cacabelos – Villafranca del Bierzo) detecta polen de Vitis en épocas tardorromana e altomedieval. Na turbeira de Borralleiras da Cal Grande, no Norte de Lugo, unha discreta presenza de Vitis permite apuntar á posibilidade do cultivo da vide dende época romana. Outrosí na análise da turbeira de Villaviciosa (Asturias) que amosa a presenza de antigo na zona de Vitis vinifera e o seu cultivo a partir do 2000 BP.
Recapitulando, os lagares rupestres rexistrados en xacementos romanos no Douro Portugués están datados a partir do s. III d. C.; nas zonas de meirande concentración de lagares rupestres e mellor estudiadas da Península, La Rioja e o Norte de Portugal, as referencias documentais e arqueolóxicas levan a Alta Idade Media; as referencias documentais no Ribeiro lévannos a Idade Media (ss. IX-XII).
Castro de Santa Lucía (Astariz. Castrelo de Miño)
Esta situación coñeceu unha nova no ano 2016 que, pola fondura das perspectivas abertas, pode dar luz ao problema da produción de viño no Ribeiro alomenos dende o Baixo Imperio. En efecto, felizmente a intervención arqueolóxica desenvolvida o pasado verán no castro de Santa Lucía (Castrelo de Miño) por un quipo de Universidade de Vigo, baixo a dirección do profesor Fermín Pérez Losada, permitiu documentar un lagar no citado xacemento en contexto e datado no século III d.C. Unha excelente noticia, coherente co corpus ata agora reunido e que anuncia o camiño a un mellor coñecemento das orixes da produción de viño no NW, concretamente, na vella D.O. Ribeiro.
Ourense, Liceo de Ourense, 30 de novembro de 2016
César Llana
Museo Etnolóxico. Ribadavia