Los contrastes del Ribeiro

Na comarca do Ribeiro era habitual diferenciar as terras ribeirás (as ribeiras ou ribeiros) das do seu arredor (a montaña). De neno chamábame moito a atención o feito de que, en Laias, cando se falaba das xentes de Ourantes, que vivían a penas uns 100 por riba, eran da montaña.

O mesmo pasaba en Arrabaldo. Os de Trasalva eran da montaña. Os paisanos que vivían fora dos vales, eran montañeses.

Disto decatouse Otero Pedrayo quen diferenciaba entre a ribeira, a montaña e a bocarribeira, neste caso referíndose a aqueles lugares que cabalgaban entre as terras do pan, e as do viño. El vivía na bocarribeira de Trasalva que cultivaba ao tempo, o centeo, nas chairas dos Chaos de Amoeiro, e o viño, nas abas que baixaban cara Arrabaldo.

Esta dicotomía entre montaña e ribeira ten unha explicación. Os vales do Miño, Avia ou Arnoia, por vía de exemplo, encáixaronse no terreo xerando unhas condicións diferentes das terras de arredor. Maior temperatura no verán; menor no inverno. Maior número de días de néboa e, conseguintemente. de humidade o que explica as diferenzas bioxeográficas marcadas pola presenza de árbores, como a sobreira, que vai desaparecendo a medida que saímos dos vales, ou os érbedos que si ben se poen ver fora deles, son menos abundantes. Como o son as xaras, ou como era o ourego ou o tómelo nas beiras dos ríos, hoxe asolagadas polas augas do encoro de Castrelo.

E, si ben as rochas son semellantes, dominando os granitos de dúas micas, as granodioritas, e, en menor medida, os xistos e as lousas, os solos son diferentes. Sono porque, mentres que nas chairas da contorna do Ribeiro, dominan aqueles que se derivan directamente da rocha nai, no interior a cousa é diferente. Por unha banda aparecen solos que veñen, como nos da “montaña”, da propia rocha. Sen embargo a maior pendente das abas favoreceu a posta en marcha de toda unha chea de procesos asociados á erosión que favoreceu a mobilidade de sedimentos dende a parte alta cara a
baixa.

Por outra parte, a propia dinámica do río ao longo de miles de anos, foi deixando terrazas colgadas, especialmente no val do Miño, no que dominan os coios. Temos así solos que se derivan dos sedimentos areosos que proveñen da erosión da capa de alteración do granito; limo-arxilosos, da erosión das rochas xistosas; con abundancia de coios depositados polo río, sen esquecer algúns
moi arxilosos, localizados neste caso na zona de As Chavolas_Sanín ou Fea, que se orixinaron en condición climáticas quentes e húmidas moi diferentes as actuais. E que, por certo, enchen de cor encarnada as paisaxes.

Ao anterior hai que engadirlles os solos antrópicos, “construídos” polos paisanos ao longo dos séculos; alomenos ata os anos 60 do século XX, rompendo a capa de alteración e mixturanto o sábrego co estrume. Son os característicos dos socalcos que se poden ollar en diferentes lugares, moi especialmente nas abas do Avia e do Arenteiro.

A diferenciación litolóxica non so se nota nos solos, tamén está presente nas vivendas tradicionais, construídas con muros de pedra granítica ou de xistos, moito menos abundantes e, case sempre, cubertos por tella plana. Vivendas que se agrupan en aldeas apiñadas, en moitos casos, abeiradas aos camiños, xerando esceas de gran valor.

Como de grande valor son as paisaxes do Ribeiro, agropaisaxes vinícolas, marcadas polos cambios na cor ao longo do ano, dende os verdes craros da primavera ata os dourados ou burdeos do outono. O viño condiciona o uso da terra, a distribución das vivendas, coas adegas no baixo, e, por suposto a dinámica das paisaxes. Por todo o anterior O Ribeiro non é unha comarca máis. É unha comarca singular e única.

Augusto Pérez Alberti
USC